As xornadas virtuais da UDC para mostrar os campus ao alumnado recibiron 7.400 visitas

martes, 28 de abril do 2020 Fernando Sarasketa

A Universidade da Coruña vén de facer balance dunha actividade online na que trasladou ao ámbito tecnolóxico unha tradición que este ano, por mor da COVID-19, tivo que ser interrompida: o programa de actividades para mostrar ao futuro alumnado os estudos, as instalacións e as posibilidades de formación e investigación que ofrecen os campus coruñeses e as súas facultades e centros. Estamos a falar da Xornadas de Portas Abertas Virtuais, que se celebrou a semana pasada e que foi obxecto, na web da UDC, de 7.400 visitas.
Na páxina web rexistráronse un total de 7.400 visitas, con 2.401 sesións nas que se informou con chats en directo da oferta de graos e mestrados da UDC.
Ademais, os dous vídeos da UDC realizados para estas xornadas desde o confinamento tiveron un total de 6.727 visualizacións e un alcance de 18.770 persoas.
Por mor do interese xerado, a Universidade da Coruña manterá activa a páxina web das xornadas. Ademais, no en UDC.tv poderán verse as gravacións das charlas das titulacións e os chats.
A Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Empregabilidade puxo en marcha estas xornadas pensadas primeiro para que se realizasen de forma presencial e que pola COVID-19 tiveron que facerse de forma virtual. O obxectivo era que o alumnado de bacharelato e de ciclos formativos de grao superior, orientadores e profesorado de institutos, pais e nais e todas as persoas interesadas puidesen ver os títulos da UDC, e conversar en directo cos profesores.

PUBLICIDADE