Assassin’s Creed Syndicate ofrecerase de balde para PC

martes, 18 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

O lanzamento do xogo Assassin’s Creed Unity foi un auténtico desastre, ao chegar o título ao mercado nun estado pouco maduro e con bugs evidentes que danaron seriamente a sona da franquía de Ubisoft, e aínda que tras varias actualizacións o xogo corrixiuse (de feito, os que se animaron a probalo cando se ofreceu de balde tras o incendio de Notre-Dame publicaron excelentes críticas do mesmo), o mal sabor de boca deixado fixo que en 2015 o lanzamento de Assassin’s Creed Syndicate fose un fracaso que levou a deter a publicación de novas entregas da saga e colocar a franquía en barbeito para renovala profundamente en Assassin’s Creed Origins.
Temos así que foron moi poucos os que chantaron o dente a Assassin’s Creed Syndicate, título inxustamente maltratado, que trasladaba a acción á Revolución Industrial, permitíndonos percorrer Londres como Jacob Frye ou da súa irmá xemelga Evie Frye, permitindo que elixamos entre a infiltración e ataques sutís ou enfrontamentos máis directos e brutais.
Dende a tenda de Epic Games parecen dispostos a corrixir a situación, e a partires do vindeiro xoves van ofrecer de balde os xogos Faeria e Assassin’s Creed Syndicate, que poderán reclamarse para a nosa colección de xogos durante toda unha semana. Sen dúbida, unha grande nova para os xogadores de PC que non puideron achegarse a un xogo máis que digno, que padeceu os erros de entregas anteriores e da fatiga dunha franquía.

En Assassin’s Creed Syndicate podemos optar por controlar a Evie Frye se queremos facer unha maior aposta polo sixilo

PUBLICIDADE