Assassin’s Creed chega ás tendas precedido dunha festa de presentación

mércores, 14 de novembro do 2007 Marcus Fernández

O Hiro de Heroes xunto a unha carecterización do protagonista de Assassin’s Creed

Hoxe sae á venda para PS3 e Xbox 360 o agardado xogo Assassin’s Creed de Ubisoft, e para celebrar este lanzamento os seus responsables organizaron unha festa de presentación nunha discoteca de Los Ángeles á que asistiron famosos coma John Hensley (da serie Quita e Pon), Lauren Conrad, Zachary Levi, Shawn Pyfrom (de Mujeres Desesperadas), Masi Oka e Kristen Bell (os dous últimos da serie Heroes), aínda que a presenza de Bell ía máis aló de ser unha celebridade no evento, xa que participa no xogo (interpretando un misterioso papel moi importante dentro do seu argumento).
O novo xogo chega agora para as consolas de alta definición, e a súa versión para PC estará dispoñible en 2008.

Kristen Bell probando o novo xogo

Assassin’s Creed non só destaca pola súa presentación espectacular, senón que os seus gráficos son realmente abraiantes e supón todo un paso adiante neste tipo de xogos de acción, que permite ó seu protagonista saltar, correr, trepar, agocharse e loitar para actuar coma asasino no tempo das Cruzadas. Os creadores de Prince of Persia foron os encargados de dar vida a este novo mundo virtual que, como pasa en xogos coma GTA, non ten un desenvolvemento lineal, de xeito que os xogadores poderán gozar de grande liberdade durante as súas aventuras neste título que eleva o listón dos xogos para as consolas de alta definición.
Podemos ver unha interesante análise do xogo no seguinte vídeo (en inglés):

PUBLICIDADE