Assassin’s Creed estrea un novo arco narrativo

xoves, 10 de xullo do 2014 Marcus Fernández

O 28 de outubro chegará a PC, PS4 e Xbox One o xogo Assassin’s Creed Unity, ambientado no París de 1789, en plena Revolución Francesa, onde un mozo chamado Arno principia unha viaxe para descubrir os poderes ocultos detrás da Revolución para rematar dentro dunha loita polo destino do pobo francés e que o converterán nun Mestre Assassin que será o máis letal dos vistos até o momento, cun renovado arsenal con armas como a Folla Pantasma ou a Folla Oculta Bésta.
Pero esta prometedora entrega da saga aínda ten moitas sorpresas gardadas baixo a manga, e para comezar desvelan agora que este título afastarase narrativamente das entregas anteriores e iniciará unha nova historia, o que agradecerán os que non seguiran a saga dende o comezo, facendo que este xogo poida atraer a novos usuarios.
Reducir a barreira de entrada a Assassin’s Creed Unity cunha nova liña argumental ambientada no noso presente (da que aínda non se sabe nada) parece unha boa decisión por parte de Ubisoft, xa que estamos ante un xogo cunha compoñente multi-xogador cooperativa moi forte que agardan que atraia a un público moi amplo, que podería verse espantado por non coñecer a historia desenvolvida polas 7-8 entregas anteriores, á vez que tamén evitaríase o tedio de ter que repasar pezas redundantes da historia.

A acción principal de Assassin’s Creed Unity estará ambientada na Revolución Francesa

PUBLICIDADE