Asura’s Wrath estrea demo

martes, 10 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Hoxe chega para os usuarios Gold de Xbox LIVE (mañá para os usuarios da PlayStation Network) a demo do xogo Asura’s Wrath, título desenvolvido por CyberConnect2 para Capcom que introduce un novo estilo nos xogos de acción a través de intensos combates combinados cun desenvolvemento narrativo controlado polo xogador, de aí que sexa interesante probar este título antes de decidir a súa compra.
Esta aventura colócanos na pel de Asura, personaxe que canalizará a súa furia nunha historia de vinganza que o levará a enfrontarse a xefes finais de talle planetario, no que iremos enchendo o barómetro explosivo de Asura para poder desencadear explosivos ataques de ira.
A historia mestura mitoloxía asiática con ciencia ficción, seguindo unha estrutura narrativa que non resultará allea para os amantes das series de animación xaponesa, quen poderían gozar especialmente deste título que chegará ás tendas españolas o vindeiro 24 de febreiro ao prezo recomendado de 59,99 euros.

Asura protagoniza unha historia de vinganza na que a súa ira xogará un papel fundamental para derrotar a grande inimigos

PUBLICIDADE