Até 14 webseries compiten este ano por ser finalistas nos XX Mestre Mateo

mércores, 12 de xaneiro do 2022 S. P.

A Academia Galega do Audiovisual fixo balance do volume de profesionais e producións que compiten este ano que vén de comezar por ser finalistas na vinte edición dos galardóns Mestre Mateo. En total, estamos a falar de 475 profesionais e 162 obras. Os membros da Academia votarán ata o vindeiro 31 de xaneiro para elixir as candidaturas finalistas en cada unha das 25 categorías. Entre as mesmas, inclúese novamente unha sección adicada a webseries, na que compiten 14 producións, o que demostra e confirma o importante pulo creativo do audiovisual da nosa terra en materia de novas linguaxes e formatos.
En termos xerais, abranguendo todas as modalidades, nesta edición dos Mestre Mateo participan 162 obras estreadas en 2021 (listaxe en PDF), o que constitúe un 11% máis que no ano anterior. Dentro das obras presentadas atópanse 19 anuncios publicitarios, 29 curtametraxes, 28 documentais, 8 longametraxes, 32 programas de televisión, 5 series de televisión, 14 series web e 27 videoclips.
Presentáronse tamén 475 candidaturas nas categorías profesionais, das que 292 (60%) corresponderon a homes e 183 (40%) a mulleres.
Unha vez finalizadas as votacións anunciaranse as candidaturas finalistas dos XX Premios Mestre Mateo, unha edición de aniversario que culminará o vindeiro 19 de marzo, na gala de entrega de premios onde se darán a coñecer as gañadoras e gañadores deste ano.
A celebración terá lugar nun novo recinto: Expocoruña. Neste espazo estrearase un novo formato para a cerimonia, cos finalistas das distintas categorías sentados en mesas ao redor dun escenario, cun formato similar ao doutras populares entregas de premios como os Globos de Ouro ou os Premios Feroz, segundo informan dende a Academia Galega do Audiovisual.
A continuación, damos conta das webseries que aspiran este ano a ser finalistas:
1 Amnesia 3.0 (cap. 1-5 da tempada 2) Aqueladas
2 A Paso de Muiñeira (cap. 1-8) Edición Consultores
3 Arrieiros Somos ( Cap.1-12) Claqueta Coqueta Sl E La Sombra Estudios
4 Así Soa (cap.1-215) Cuerda Floja
5 Ateneo Stories (Cap.1-3) Javi Sega e Ateneo Bar Cultural
6 Cacola (Cap.1-5) David Fidalgo Omil,Carballo Interplay
7 Delicias Amargas (cap.1-4) Kraken Films
8 Doc Way. Vía da Prata (cap.1-4) Que + Ver
9 Mataría Microserie (cap.41-49) Dinamo Producións e Javi Sega Producciones
10 Nubes Habitadas (Ca.1-3) Abismo Caracol
11 Os Tempos Mortos do Führer (1-10) Conxuro Produción
12 Ronsel de Futuro (cap.1-4) Señor López Producións
13 Xan e a historia (cap.1-3) Lucía Estévez e Miguel Canalejo
14 Xela Arias. A palabra esgazada (cap.1-6) Real Academia Galega e Miramemira

PUBLICIDADE