AtlantTIC e a Xunta achegan unha aplicación que garante a accesibilidade dos datos culturais

mércores, 5 de outubro do 2022 S. P.

A Consellería de Cultura e Educación e a Universidade de Vigo (AtlantTIC e grupo GTI) colaboran no desenvolvemento da aplicación web CIMA, unha ferramenta de balde que bota abaixo barreiras de accesibilidade en materia de información de eventos culturais, converténdoa en accesíbel para todas as persoas destinatarias. Faino creando folletos baseados en textos sinxelos e pictogramas. A ferramenta permite xerar decontado e en diversos idiomas folletos que poidan ser lidos por lectores de PDF para seren lexíbeis de cara a persoas con problemas de visión.
“Os profesionais do sector contarán así cun recurso doado e gratuíto para ofrecer información relevante e de maneira accesíbel sobre os seus eventos, datos como localización, horarios, información sobre como chegar, guías, prezos especiais, dispoñibilidade de escaleiras mecánicas ou ascensores, espazos de descanso, carreiros accesibles para cadeiras de rodas, información sobre as pezas do museo, etc”, informaron na presentación de CIMA, esta semana, Fátima García Doval, xefa do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e Enrique Costa Montenegro, profesor da EE Telecomunicación da Universidade de Vigo e investigador do centro AtlantTIC no grupo GTI.
Segundo fixeron saber CIMA está dispoñíbel para uso libre e gratuíto por calquera persoa ou institucións a través da web do proxecto en castelán, galego, portugués, inglés, polaco, islandés e ucraíno, este último co obxectivo de facilitar o acceso da poboación desprazada polo conflito aos diferentes eventos e recursos culturais. Ademais, para a súa elaboración tívose en conta a tipografía e o tamaño de letra e o contraste de cores que facilitan a lectura.
Esta é a primeira ferramenta xurdida no marco do proxecto europea Erasmus+ ALLURE no que os países socios son Islandia (Centro Textil de Blönduósi), Portugal (Asociación Empresarial de Portugal), Polonia (Talleres culturais de Lublin) e España (Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade).
Todos eles son coordinados pola Xunta de Galicia como socio líder e co obxectivo de elaborar diferentes ferramentas que ofrezan unha experiencia inclusiva nos recursos e eventos culturais de maneira sinxela, rápida e personalizada para garantir unha cultura inclusiva e accesible desde a educación non formal.

PUBLICIDADE