Avatel comezou 2022 coa súa propia plataforma de TV

martes, 11 de xaneiro do 2022 S. P.

A operadora Avatel comezou o ano cunha gran novidade no seu catálogo de servizos: a posta en marcha dunha plataforma propia de TV que reforza a oferta de telecomunicacións desta compañía con orixes galegas e cada vez máis presente nos territorios rurais. Avatel TV inclúe 50 canles en liña e un catálogo con 6.000 películas, series e programas.
Segundo fai saber a compañía a respecto deste lanzamento, os novos clientes da operadora que contraten en xaneiro paquetes converxentes poderán gozar de Avatel TV sen custo adicional.
Esta novidade compleméntase con “importantes descontos e promocións” sobre as tarifas base que pon en xogo a operadora, e que se traducen en 15 GB adicionais para quen contrate liñas móbiles, e un ano de Amazon Prime nos paquetes superiores.
En concreto, Avatel inclúe dende xa o servizo de TV nos seus combinados de fibra óptica
- con 600 Mbps simétricos-, amais de telefonía fixa e telefonía móbil a través do seu propio Operador Móbil Virtual Completo.
Se ben a operadora viña ofrecendo ata o de agora un amplo abano de canles televisivas en liña, a nova plataforma vén potenciar a súa oferta de televisión, contando coa colaboración tecnolóxica dunha empresa internacional referente neste tipo de solucións: Viaccess Orca.
En palabras de Avatel, a nova plataforma conta “cunha interface intuitiva, personalizábel e con diversas funcionalidades avanzadas”. Amais, é un servizo multidispositivo, permitindo acceder aos seus contidos desde móbiles, tabletas e smart TV.
Avatel TV permite crear perfís para diferentes usuarios, así como establecer un control parental para os máis pequenos da casa. Outra característica destacada é a súa capacidade para aprender dos gustos de cada usuario e realizar suxestións personalizadas. Así mesmo, Avatel destaca que conta coa posibilidade de consumir os contidos en versión orixinal ou con subtítulos e incorpora a función de ver unha escolma de emisións dos últimos sete días. Ademais, admite a descarga de aplicacións móbiles para que xogos e plataformas sexan accesíbeis sen saír de Avatel TV.

PUBLICIDADE