Avatel rexistrou unha caída do 40% no tráfico de datos en Noiteboa en zonas rurais

mércores, 29 de decembro do 2021 S. P.

A operadora de raíces galegas Avatel, da que falamos recentemente con motivo do seu desembarco na provincia da Coruña (a través dun plan de despregue que pon o foco no rural e que colle pulo en Ribeira, onde a empresa prevé levar banda larga a máis de 5.000 fogares e empresas), fixo balance da influencia que tiveron as celebracións de Noiteboa e Nadal na súa rede e, por extensións, nas redes de fibra óptica en zonas rurais. No reconto a operadora sinala que os festexos do 24 de decembro provocaron “un importante descenso do 40% no tráfico de datos a través de redes de FTTH en contornas non urbanas en comparación cos datos rexistrados a fin de semana anterior”. Porén, en Nadal rexistrouse un aumento do 11%, e o domingo 26 houbo un consumo intensivo con incrementos do 20%.
Avatel sinala que o importante descenso no consumo de datos do día 24 foi similar ao do pasado ano, e “debeuse a un menor uso das plataformas de vídeo baixo demanda, das plataformas de gaming e de Internet en xeral grazas ás reunións familiares”.
Dun xeito máis pormenorizado, engádese, “ao contrario que practicamente calquera outro día do ano, durante a sobremesa rexistrouse o pico máximo de uso de Internet da xornada (entre 14.00 e 17.00 horas), un consumo elevado que se pode asociar ás vacacións escolares, cunha maior presenza de habitantes nas vivendas, dado que se trataba dun día laborábel”. Porén, entre as 20.00 e as 23.00 horas, en troques do habitual prime time televisivo, tomaron protagonismo as reunións familiares. En consecuencia, o acceso a Internet afundiuse rexistrando os mínimos da xornada e da fin de semana.
Polo que respecta ao día de Nadal, o tráfico nas redes de fibra óptica incrementouse a partir do mediodía, tras a tradicional comida, impulsado “polo goce en familia, o mal tempo reinante en practicamente toda España e a permanencia da poboación en casa”, detállase no balance da actividade, engadíndose que a franxa comprendida entre as 22.00 horas e a medianoite foi “a de maior uso de Internet o 25 de decembro, grazas ao consumo de entretemento en liña (series, vídeos, películas)”. Isto deu como resultado un 11% de subida respecto ao fin de semana previo.
Por último, o domingo 26 alcanzábanse máximos nas redes de zonas rurais cun 20% de aumento no tráfico de datos. “Nesta xornada”, informou Avatel, “sumáronse a volta a casa, por ser a antesala do regreso ao traballo para moitas persoas e terceira xornada de inestabilidade meteorolóxica, o acceso a Internet disparouse”.

PUBLICIDADE