Balidea inaugurou a súa nova oficina en Vigo
xoves, 11 de xullo do 2024
O pasado mércores 3 de xullo inaugurouse oficialmente, nun concorrido acto de presentación, a nova oficina da empresa tecnolóxica Balidea en Vigo. Situada na rúa de Romil nº4, a nova oficina supón en palabras da firma galega “unha gran evolución con respecto á anterior oficina de Balidea na cidade olívica”.
Conta con espazo para 15 postos de traballo, dous despachos individuais e unha sala de reunións. Ademais, dispón de almacén, 3 baños, zona de cociña/comedor e garaxe. En canto á localización, está situada a tan só 8 minutos a pé da praza da Porta do Sol, centro neurálxico da cidade, e a uns 20 minutos das estacións de tren e autobús.
O seu horario de apertura será de 08.00 a 15.00 horas no verán e de 09.00 a 18.00 no inverno (de 09.00 a 15.00 horas os venres).
Balidea destaca deste xeito a súa presenza na cidade: “Non cabe dúbida de que Vigo, coa súa Universidade e centros de formación e coñecemento, o seu importante porto pesqueiro e comercial, a súa innovadora industria multisectorial e o seu crecemento demográfico á alza, trátase dun enclave empresarial fundamental para o impulso económico de Galicia. Neste sentido, para Balidea é de gran importancia contar cunha oficina na cidade”.
A nova oficina de Balidea na cidade olívica súmase así ás outras catro oficinas de Balidea en Galicia, situadas en Santiago de Compostela (Edificio Witland), A Coruña (avda. Finisterre, 281), Ourense (rúa Bedoya, 27) e Cangas (rúa Aragón, 2), e as dúas que están fóra da comunidade, en Bilbao (Mazarredo Zumarkalea, 25) e Copenhague (Nørre Søgade, 35).