Banjo-Tooie chega ao Bazar de Xbox LIVE

mércores, 29 de abril do 2009 Marcus Fernández

Bionic Commando estreou hoxe demo multi-xogador

O Bazar de Xbox LIVE recibiu hoxe cos brazos abertos o xogo de plataformas Banjo-Tooie, que no seu día aparecera para a consola Nintendo 64, e que agora adaptouse para a Xbox 360. Este lanzamento tamén vén acompañado polo xogo de loita de robots Cyber Troopers Virtual On Oratio Tangram que saíra no seu día para a Dreamcast de SEGA. O prezo de ambos é de 1.200 puntos (14,4 euros) aínda que tamén gozan dunha versión de demostración de balde.
E falando de demostracións, o futuro Bionic Commando estreou tamén unha curiosa demo de balde para usuarios Gold de Xbox LIVE (que durante a vindeira fin de semana serán virtualmente todos os que conecten a súa Xbox 360 á Internet) na que en vez de amosar cómo será o xogo principal, déixanos participar en curiosas partidas competitivos de 8 xogadores en liña, o que non serve para ponderar a calidade do xogo, pero si para divertirse durante os 5 minutos que duran os enfrontamentos a morte.

Banjo-Tooie resulta moi divertido para os cativos

O certo é que de entre todas as estreas de hoxe, Banjo-Tooie, pese a non ser un título que destaque tecnicamente, debería ser considerado o lanzamento da xornada, pois de seguro resulta do agrado para o público de Banjo-Kazooie e a súa saga de xogos de plataformas en 3D protagonizados por animais antropomorfos. De feito Banjo-Tooie é unha secuela de Banjo-Kazooie , aínda que desta volta só houbo que agardar uns meses para vela (mentres que a separación dos títulos orixinais foi duns 2 anos).
Este tipo de xogos están pensados principalmente para un público moi infantil, pero tamén pode gozar dos mesmos un usuario que guste de xogos de plataformas coma os de Mario, aínda que tendo en conta que as historias que se narrarán durante a experiencia de xogo serán bastante tópicas e predicibles.

PUBLICIDADE