Batman: Arkham City terá unha completa edición xogo do ano

luns, 23 de abril do 2012 Marcus Fernández

Sen dúbida Batman: Arkham City é un dos xogos máis relevantes da segunda metade de 2011, que veu seguido de numerosos contidos descargables (DLC) que puideron adquirirse para alongar a súa vida, e que agora anuncian que o 29 de maio virán todos incluídos nunha edición especial do xogo chamada Batman: Arkham City Game of the Year Edition, que non só incluirá os DLC anteriores, senón tamén un novo capítulo chamado Harley Quinn’s Revenge (programado para o luns da semana que vén, e que será o derradeiro que recibirá Arkham City) e un cupón para a descarga de balde da película animada Batman: Year One.
Estamos ante unha excelente oportunidade para quen aínda non adquirise este excelente xogo (considerado por moitos como a mellor adaptación do cómic ao videoxogo da historia), que evitará así a adquisición de contido adicional por separado, conseguindo o que poderiamos considerar como o xogo completo, pois incluiría os seguintes contidos descargables:
- Mapas: Mansión Wayne, Main Hall, Tren Freight, Máscara Negra, O Carnaval do Joker, o Salón Iceberg e a Batcova
- Personaxes xogables: Catwoman, Robin e Nightwing
- Skins: Batsuit 1970, Batman Ano Un, El Regreso del Señor de la Noche, Batman Terra Un, Batman Beyond, Batman (animado), Sinestro Corps Batman, Catwoman Long Halloween, Catwoman (animada), Robin (animado), Red Robin e Nightwing (animado).


Trailer da edición xogo do ano de Batman: Arkham City

Harley Quinn protagonizará un novo episodio descargable do xogo

PUBLICIDADE