Batman Arkham Knight contará cun batmóbil redeseñado e cun novo personaxe

xoves, 27 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Dá a impresión de que Rocksteady Studios quere despedirse por todo o alto da saga de xogos de Batman co seu Batman Arkham Knight, e para ir creando expectación está a dar conta de novidades que incorporará o agardado título previsto para mediados de outubro, como o batmóbil, grande incorporación ao xogo que foi imposible integrar ata a chega das novas consolas de videoxogos por mor das limitacións de memoria da PS3 e a Xbox 360.
O batmóbil comportarase como un tanque, de xeito que permitirá que Batman poda moverse polas rúas de Gotham de xeito imparable, desatando certo nivel de destrución pola cidade (algo impensable na anterior xeración de consolas, polas dimensións do escenario á nosa disposición); poderemos deixar o vehículo en calquera momento mediante un mecanismo de exección que contribuirá ao xeito de moverse a toda velocidade balanceándose entre os edificios; e o vehículo tamén poderá estar dispoñible de xeito case instantáneo, pois poderemos chamalo por control remoto, facendo máis áxiles os desprazamentos polos distintos puntos do mapa.
Aínda que o batmóbil xa aparecía en anteriores entregas da saga, non podía controlarse directamente, e en vista deste cambio de perspectiva decidiron redeseñalo completamente, o que non é a única novidade da que agora sabemos, senón que tamén publicaron imaxes dun novo personaxe que se enfrontará a Batman no xogo e que creouse en colaboración con DC Comics. É de agardar que este novo inimigo sexa moi importante no desenvolvemento da historia, e non sería a primeira ocasión na que un personaxe do universo de Batman nace fóra dos comics (Harley Quinn creouse para a serie de televisión de Bruce Timm) polo que nos vindeiros meses é de agardar que se informe de se estamos ante a flor dun día ou ante unha nova incorporación á nutrida galería de viláns do cabaleiro escuro.

O xogo estreará un novo personaxe deseñado en colaboración con DC Comics


Entrevista en vídeo na que comentan as novidades que o batmóbil achegará ao novo xogo de Batman

PUBLICIDADE