Batman: Arkham Knight pechará a saga do cruzado da capa este ano

martes, 4 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Warner Bros Interactive Entertainment e DC Entertainment anunciaron hoxe a conclusión da saga de xogos de Batman iniciada por Rocksteady Studios, que sairá á venda este mesmo ano, adiantándose que a estrea nos EE.UU. será o 14 de outubro (é de esperar que o lanzamento español sexa o 17 de outubro) para satisfacción dos moitos seareiros desta serie de xogos que conseguiron trasladar a experiencia de converterse no cabaleiro escuro con grande fidelidade ás aventuras da banda deseñada. O xogo levará por título Batman: Arkham Knight e terá versións para PS4, Xbox One e PC.
Desta volta Batman atópase con que o Espantallo conseguiu xuntar a un nutrido grupo de malvados entre os que figuran o Pingüín, Dúas Caras e Harley Quinn, que comparten o obxectivo de querer destruír ao gardián de Gotham. Aínda que polo momento pouco máis podemos saber do xogo agás o que vemos no seu trailer de presentación, o que si confirmaron é que este xogo vai estrear unha posibilidade desbotada en anteriores entregas: conducir os Batmóbil.
Ao parecer, será a revista Game Informer a que se encargará de dar máis detalles sobre este prometedor xogo, pois xa ten un apartado na súa páxina web dedicado ao home morcego, xa que este título de Rocksteady Studios ocupará as portadas da revista no mes de abril e 14 páxina do interior da publicación.


Pese a faltar bastantes meses para a estrea do xogo, xa se coñece que os que o reserven, en calquera das súas 3 versións, poderán facerse con 4 mapas de desafío exclusivos e coa posibilidade de manexar a Harley Quinn coas súas habilidades e armas propias.

A revista dedicará a súa vindeira portada ao novo xogo de Batman
O novo título da saga Batman Arkham permitiranos conducir o Batmóbil


Trailer de presentación de Batman: Arkham Knight

PUBLICIDADE