Batman Arkham Origins: Blackgate adaptarase a consolas domésticas

martes, 11 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos anos estámonos a afacer ao feito de que as sagas que contan con algún título para consolas portátiles rematen sacando unha versión remasterizada dos mesmos para consolas de sobremesa, de xeito que os usuarios que non gustan de xogar en mobilidade poidan experimentar as historias completas dos seus personaxes favoritos e desta volta é o xogo Batman Arkham Origins: Blackgate o que vai recibir este tratamento se atendemos á ficha que accidentalmente apareceu na páxina web de Xbox dando a coñecer que o xogo de 3DS e PS Vita terá versión para consolas domésticas.
A filtración amosa o que sería Batman Arkham Origins: Blackgate Deluxe Edition, e que é de agardar que vaia confirmarse en breve o seu lanzamento para Xbox 360 e PlayStation 3 como xogo descargable que continúe a historia do último xogo para consolas domésticas de Batman, mudando de mecánica de xogo converténdose nunha aventura de desprazamento lateral na liña dos moi frecuentes xogos do xénero alcumado como Metroidvania.
Ao estarmos ante unha edición de luxo, é de agardar que o xogo véxase enriquecido con novos mapas, novos desafíos, novos traxes, distintos niveis de dificultade e gráficos mellorados, aínda que mantendo unha mecánica diferenciada da anterior entrega das aventuras do cabaleiro escuro.

O xogo apareceu accidentalmente en Xbox.com

PUBLICIDADE