Battlefield Hardline adía o seu lanzamento até 2015

martes, 22 de xullo do 2014 Marcus Fernández

No mes de xuño numerosos usuarios de todo o mundo puideron probar a versión de proba do xogo Battlefield Hardline para PlayStation 4 e PC, agardando que este título chegase ás tendas o 21 de outubro, pero finalmente non será así, e dende Electronic Arts anuncian que o xogo non verá a luz até primeiros de 2015, o que pretenden amosar como unha boa nova, xa que aseguran que aproveitarán o tempo de desenvolvemento adicional para que o persoal de Visceral Games poida aproveitar o feedback recibido polos usuarios durante a beta.
Battlefield Hardline poderá así contar con innovacións nos seus modos multi-xogador (atendendo ás suxestións dos usuarios), unha historia no seu modo campaña máis profunda e un desempeño máis estable (evitando os problemas que Battlefield 4 tivo no seu lanzamento).
Pero resulta difícil entender que estamos ante un adiamento xustificado por melloras a incorporar no xogo, pois resulta bastante máis doado crer que se trata máis dun reaxuste do calendario de lanzamentos de xogos ante a avalancha de títulos que chegarán no mes de outubro, que vai ser un dos meses máis fortes do ano como anticipo do que pretende ser a primeira campaña de Nadal realmente forte para as consolas de nova xeración (que buscan consolidarse como plataformas maioritarias en 2015).

PUBLICIDADE