Bayonetta 3 verá a luz o 28 de novembro

mércores, 13 de xullo do 2022 Marcus Fernández

En 2017 anunciouse que a terceira entrega da saga Bayonetta sería un xogo exclusivo para Nintendo Switch, seguindo os pasos de Bayonetta 2, pero sen chegar a detallar cando estaría listo este título do que os seus seareiros agardaban novidades en cada grande presentación de Nintendo, sen recibir novas para a súa desesperación. Pero non había dúbidas de que Platinum Games estaba a traballar en Bayonetta 3, e por fin anuncian a súa data de lanzamento: o 28 de novembro.
Bayonetta 3 chegará a Nintendo Switch no outono a un prezo de 59,99 euros na súa edición ordinaria, aínda que tamén estará dispoñible unha edición Máscaras de la Trinidad que incluirá un libro de ilustracións de 200 páxinas e tres portadas especiais que poden combinarse para formar unha ilustración panorámica.
Nesta nova aventura Bayonetta deberá enfrontarse a novos e misteriosos inimigos chamados homúnculos, e que forman un exército de armas biolóxicas creadas polo home, que buscarían a destrución total. Pero esta non será a única novidade, senón que tamén aparecerán outras Bayonettas no xogo e, como sopro de aire fresco teremos como personaxe xogable a Viola, unha aprendiz de bruxa armada cunha espada.
Aínda que esta franquía sempre destacou pola súa sensualidade, para abrirse a un público máis amplo Platinum Games engade en Bayonetta 3 un modo anxo inxenuo no que se reduce a visibilidade de espidos, ou sexa, que o xogo permite a censura de xeito opcional, probablemente para tranquilidade dos proxenitores que queiran estar tranquilos sobre o tipo de contidos que aparecen na pantalla da consola de menores.

O xogo continuará a ser un frenético hack and slash
Bayonetta 3 contará cunha edición para coleccionistas que incluirá un libro de ilustracións de 200 páxinas e 3 portadas especiais

Tráiler de Bayonetta 3 no que se presentan numerosas novidades no xogo, así como a súa data de lanzamento

PUBLICIDADE