Bayonetta e Vanquish terán versións remasterizadas para PS4 e Xbox One

luns, 9 de decembro do 2019 Marcus Fernández

PlatinumGames conseguiu forxarse unha grande reputación grazas a xogos de acción frenética como Bayonetta e Vanquish, que están a preto de cumprir os 10 anos, o que queren aproveitar para achegalos a consolas da actual xeración, optando por comercializalos en lote, tanto en formato físico como dixital a un prezo recomendado de 39,99 euros.
Bayonetta & Vanquish 10th Anniversary Bundle para PlayStation 4 e Xbox One incluirá versións remasterizadas en resolución 4K a 60 imaxes por segundo, de xeito que de contarmos cunha PS4 Pro ou unha Xbox One X poderemos gozalos no seu máximo esplendor.
O caso de Vanquish é bastante peculiar, xa que este xogo estreou versión para PC en 2017, incluíndo melloras como as da versión de consola que chegará a primeiros do ano que vén, aínda que dende hai tempo o xogo estaba dispoñible para xogadores de Xbox One grazas á retrocompatibilidade (aínda que sen as melloras gráficas) e, de feito, a copia para Xbox 360 véndese a 19,99 euros, prezo que coincide co de Bayonetta, polo que vendelos xuntos na súa versión remasterizada non suporía unha diferenza de prezo, senón unha confirmación de que os seus responsables consideran que estes títulos comercializaranse ao un prezo xusto.
O lanzamento da recompilación destes grandes xogos será especialmente ben recibida polos xogadores de PS4, que levaban moito tempo sen poder chantarlles o dente, e que recibirán tamén un tema dinámico de mercar o xogo antes do 3 de marzo de 2020.

En febreiro poderemos mercar o lote que inclúe ambos xogos de PlatinumGames en versión para consolas domésticas da presente xeración

Vídeo promocional no que dan conta do lote que inclúe as remasterizacións de Bayonetta e Vanquish para PS4 e Xbox One

PUBLICIDADE