BioShock Infinite recibe o seu primeiro DLC

martes, 30 de xullo do 2013 Marcus Fernández

O xogo estrela de 2K e Irrational Games, BioShock Infinite, un dos títulos multiplataforma máis vendidos no que vai de ano, recibe hoxe un interesante contido descargable de pagamento titulado Enfrentamiento en las nubes que pode descargarse para PlayStation 3, Xbox 360 e Windows PC por un prezo duns 4,49 euros (aínda que tamén pode adquirirse dentro dun pase de tempada con todos os contidos descargables para o xogo que chegarán nos vindeiros meses) e que ofrece novos retos e novas oportunidades de combate.
En BioShock Infinite: Enfrentamiento en las nubes temos 4 novas áreas inspiradas nos contornos de BioShock Infinite e ao completar os 60 desafíos de Blue Ribbon os xogadores poderán desbloquear a Sociedade Arqueolóxica de Columbia, dando acceso a novos voxáfonos, kinetoscopios e arte conceptual que contribuirán a enriquecer este mundo de ficción que mestura numerosos elementos propios da cultura steampunk con grande acerto.
Este DLC resulta bastante predicible, limitándose a ser unha simple ampliación do xogo, mentres que dende Irrational confirman que están a traballar nunha nova campañas dividida en dúas partes cunha historia totalmente nova entre Booker e Elizabeth que adorarán os seareiros desta saga, pois situará aos protagonistas na cidade submarina de Rapture antes da súa caída. Cada unha das partes de BioShock Infinite: Panteón Marino venderanse de xeito individual a un prezo duns 12,99 euros (estando tamén incluídas no mencionado pase de tempada).

As futuras campañas do xogo trasladarán a acción a Rapture


Trailer de lanzamento de Enfrentamiento en las nubes


Trailer da futura campaña BioShock Infinite: Panteón Marino

PUBLICIDADE