Black Myth: Wukong convértese nun dos títulos máis xogados na historia de Steam

xoves, 22 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Esta semana saíu á venda o xogo chinés Black Myth: Wukong, inspirado na figura mitolóxica do Rei Mono (Sun Wukong), protagonista da novela Viaxe ao Oeste, quen tamén inspirou a Son Goku (As Bólas Máxicas).
O xogo, dispoñible en varias edicións, pode adquirirse tanto para PlayStation 5 como para PC, destacando especialmente esta última versión, por ser a que permite un seguimento en tempo real a través de Steam, plataforma que o primeiro día rexistrou un pico de 2.223.179 xogadores simultáneos, repetindo o éxito ao día seguinte con 2.358.580 xogadores, polo que convértese no segundo xogo con máis usuarios simultáneos na historia (só superado por PUBG Battlegrounds con 3,3 millóns de xogadores).
Poderiamos estar ante o meirande lanzamento de 2024, que en boa medida está a pasar desapercibido nos medios por non chegar dun estudio occidental nin dende un país cunha prensa de videoxogos con proxección internacional.
Black Myth: Wukong é un xogo de rol de acción no que haberá que vivir as aventuras de Viaxe ao Oeste, superando numerosos perigos e descubrindo marabillas, afondando na mitoloxía chinesa en primeira persoa. Inimigos poderosos, grandes monstros e mesmo dragóns voadores serán desafíos a superar en combates nos que haberá que empregar conxuros, transformacións e artefactos máxicos de todo tipo, en sintonía coas historias mitolóxicas nas que se basea este violento xogo que está a cativar a xogadores de todo o mundo.

Tráiler do xogo