Boeing e FIRST Scandinavia inauguran en Ourense a primeira Aula Newton permanente do eido estatal

martes, 19 de outubro do 2021 S. P.

Boeing e a organización noreguesa FIRST Scandinavia celebraron este 19 de outubro a inauguración da Aula Newton permanente na provincia de Ourense (Galicia), situada na Tecnópole de San Cibrao das Viñas. Trátase da segunda vez que a nosa terra acubilla unha iniciativa de formación STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) destas características, logo da Aula Newton habilitada en Lugo hai dous anos. Desta volta, achegouse a novidade de habilitar un gran espazo de aprendizaxe permanente, que acollerá a estudantes de entre 14 e 16 anos para ofrecerlles, en palabras das dúas entidades, “unha experiencia de aprendizaxe STEM de alta calidade”.
Á inauguración asistiron, entre outros, dirixentes de Boeing e FIRST Scandinavia, autoridades locais, profesores e estudantes, ademais do vicepresidente económico da Xunta de Galicia, Francisco Conde.
“É un orgullo que Galicia sexa a primeira comunidade española en contar cunha Aula Newton a tempo completo”, comentou Angela Natale, directora xeral de Boeing para o Sur de Europa, engadindo que “grazas á nosa colaboración coa Xunta de Galicia e ao apoio de FIRST Scandinavia, e tras o éxito do programa hai dous anos, coa instalación da Aula Newton portátil en Lugo, reafirmamos a nosa colaboración con Galicia e os nosos socios locais, o que testemuña o noso forte compromiso con España e as súas comunidades”.
Pola súa banda, Stian Elstad, director xeral de FIRST Scandinavia, dixo que “agardamos que o sector industrial e os estamentos gobernamentais de toda España empresten atención á experiencia Newton Galicia da Tecnópole, e que podamos aproveitar o seu éxito para crear unha rede de Aulas Newton en todo o país”.
Pola súa banda, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, asegurou que a posta en marcha en Tecnópole da primeira Aula Newton permanente de España “espertará nos máis novos o interese por actividades que terán unha gran demanda nun futuro próximo”. Así, fixo referencia ao auxe do sector aeroespacial, “xa que foi no que máis empresas se crearon durante a pandemia en Galicia”. E engadiu: “Esta iniciativa vén acrecentar o compromiso deste parque tecnolóxico coa divulgación científica, nun momento no que é crucial educar na innovación e o emprendemento para estimular o talento nas futuras xeracións”.
Pola súa parte, Javier Taibo, director do parque tecnolóxico-empresarial, dixo que “a Aula Newton sitúa a Tecnópole na vangarda da educación moderna. Con ese obxectivo en mente construímos este espazo permanente onde os estudantes de secundaria galegos terán a oportunidade de vivir unha experiencia educativa incríbel e asombrosa. O Parque Tecnolóxico de Galicia aumenta a súa oferta na promoción de materias STEM cun enfoque especial nas mulleres novas. Comezamos hai máis de 15 anos, coa creación da feira científica Galiciencia, que reúne experimentos desenvolvidos por estudantes de toda España, ou as nosas Aulas Tecnópole, onde estudantes de primaria e secundaria desenvolven os seus proxectos científicos e tecnolóxicos”.
Como dixemos, a Aula Newton de Tecnópole é a primeira que se establece de forma permanente en España, e trátase dun formato que cultivou un gran éxito en Noruega, onde hai máis de 40 aulas permanentes. “As Aulas Newton encaixan particularmente ben en zonas rurais, e permiten que os estudantes perfeccionen as súas habilidades en materias STEM baixo a supervisión de profesores especializados”, explicouse este 19 de outubro.
O apoio do Goberno galego a esta iniciativa enmárcase no programa autonómico de fomento de vocacións científico-tecnolóxicas Voando alto, sumando vocacións, no que colabora Boeing, que á súa vez tamén é socio industrial e tecnolóxico da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia con proxectos como o de xestión e seguridade do tráfico para espazos aéreos compartidos.

PUBLICIDADE