Boiro, Rianxo e A Pobra fomentarán a empregabilidade de quince mozos con formación TIC

luns, 9 de setembro do 2024 S. P.

Os concellos de Boiro, Rianxo e A Pobra convocaron un proceso selectivo para a elección de 15 alumnos traballadores ao abeiro do programa de emprego Xuventude I. O obradoiro vaise levar a cabo entre os ditos municipios mediante unha subvención da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia por importe de 408.213,30 euros.
Segundo explicaron fontes do Consistorio de Boiro, este obradoiro configúrase como un programa experiencial de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a empregabilidade das persoas participantes mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social. Neste caso concreto o alumnado recibirá formación en montaxe de equipos informáticos, operacións auxiliares de manutención de sistemas microinformáticos e a realización de operacións auxiliares con Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC).
As persoas aspirantes deberán ser persoas mozas de 18 ou máis anos e inscritas no Programa de Garantía Xuvenil do Servizo Público de Emprego de Galicia, ademais de cumprir os requisitos de nacionalidade, capacidade funcional, habilitación e compatibilidade esixíbeis para o acceso ao emprego público.
Ofértanse un total de 15 prazas de persoal laboral temporal como alumnos traballadores que se repartirán entre alumnado dos tres municipios do Barbanza. O contrato de traballo será para a formación en alternancia, cunha retribución do salario mínimo interprofesional e unha xornada de traballo a tempo completo durante 12 meses en horario de 7.30 a 15.30 horas de luns a venres.