Bomberman R Online chegará a Stadia a vindeira semana

martes, 25 de agosto do 2020 Marcus Fernández

En xullo anunciaron xogos que chegarán a Stadia nos vindeiros meses, e un dos títulos máis agardados, Bomberman R Online, xa ten data de lanzamento: o 1 de setembro. Este xogo, que será exclusivo de Stadia, destaca por ter un modo Battle 64, ou sexa, un battle royale para 64 xogadores en liña, que será un importante reclamo para moitos xogadores.
Os usuarios poderán personalizar o seu personaxe, equipalo, e gozar tamén dunha das funcións realmente revolucionarias de Stadia, o Crowd Play, que permitiría unirse á partida dun streamer pinchando directamente nunha ligazón en pantalla, o que pode contribuír considerablemente ao éxito deste xogo e á formación de comunidade ao seu redor.
O xogo estará incluído coa subscrición de Stadia Pro, a través da que tamén poderá conseguirse un Premium Pack que desbloqueará 14 personaxes adicionais e a posibilidade de crear partidas privadas. Os usuarios con Stadia Base poderán facerse con todos estes contidos pasando por caixa a un prezo de 9,99 dólares (que probablemente sexa tamén de 9,99 euros).

Vídeo de presentación de Bomberman R Online para Stadia

PUBLICIDADE