Bota a andar a 5G de Telefónica en 82 concellos galegos

luns, 5 de outubro do 2020 Redacción

A 5G de Telefónica xa se acendeu en 82 concellos galegos, entre eles as catro capitais de provincia así como tamén en Vigo, Ferrol e Santiago. Esta cifra aumentará até 134 a final de ano, o que supón que o 74% da poboación galega terá acceso entón á ultra banda larga móbil de Telefónica, unha porcentaxe global para Galicia que no caso da provincia de Pontevedra alcanzará o 83,9% e no de Coruña o 78%.Tal e como destacou o máximo responsable de Telefónica en Galicia e director de Administracións Públicas do Territorio Norte, Manuel Ángel Alonso, durante un encontro con medios de comunicación celebrado hoxe en Santiago, o aceso da 5G súmase á «enorme capilaridade do LTE, 4G e 3G de Telefónica en Galicia, que se sitúa no 98% da poboación, o que significa que esta comunidade autónoma ten unha cobertura de banda larga móbil por encima da media nacional e sen parangón en Europa».
En relación ao tipo de tecnoloxía 5G empregada, Alonso comentou que Telefónica «está a traballar coas últimas xeracións de radio que permiten o dobre uso 4G e 5G, co obxectivo de levar a 5G desde o primeiro momento ao máximo de poboación. Nesta primeira fase utilízanse os emprazamentos e infraestruturas actuais para lanzar a rede 5G con arquitectura NSA ( Non Stand Alone), e despregarase a rede 5G SA (Stand Alone) cando a tecnoloxía estea plenamente dispoñible despois da estandarización».
Grazas á 5G, os usuarios poderán descargarse na súa casa unha película en segundos, gozar de retransmisións deportivas en directo nas que o usuario terá unha experiencia 360º e poderá visionar calquera ángulo do partido coma se estivese na cancha. Aqueles que sexan afeccionados ao gaming contarán cunha experiencia en mobilidade similar á que lles achega a fibra no fogar, sen interrupcións ou latencia. Así, a 5G permitirá xogar no teléfono móbil coma se estivésese na pantalla do computador de casa ou nunha vídeo consola.
Para as empresas, destacan os servizos de Multiaccess Edge Computing, que ofrecen ultra baixa latencia e unha maior capacidade de cómputo ao bordo da rede, ademais de servizos como as redes privadas 5G, o IoT masivo e as comunicacións críticas, xunto á virtualización da rede, que facilita utilizar os recursos de redes de forma máis eficaz en función das necesidades dos clientes. A 5G será fundamental tamén para o desenvolvemento da chamada Industria 4.0 e para todos os servizos relacionados coa Saúde ou a Educación.
Ademais, á cobertura de banda larga súmase tamén o intenso traballo de despregamento de FTTH no que se acha inmersa Telefónica. Na actualidade, o 54% das unidades inmobiliarias de Galicia, é dicir, máis dun millón de vivendas e empresas, están en cobertura da fibra óptica ata o fogar de Telefónica, a máis avanzada do mundo. O obxectivo é chegar a finais deste ano con FTTH ao fogar de 1.700.000 galegos, é dicir, ao 63% da poboación, e o compromiso final de Telefónica, anunciado no seu día polo seu presidente, José María Álvarez Pallete, e lembrado hoxe na rolda de prensa por Manuel Ángel Alonso, é que o 100% da poboación galega dispoña de FTTH a finais do 2025. Para iso, está a levarse a cabo un enorme esforzo investidor que, só en despregamento de fibra, alcanza xa os 136 millóns de euros.

Galicia, na vangarda en despregamentos e casos de uso da 5G

Galicia é a comunidade autónoma con máis casos de uso e despregamentos da 5G, tal e como destacou hoxe Alonso. É o territorio onde se están probando as posibilidades da 5G na industria, a mobilidade, a supervisión de infraestruturas ferroviarias, a saúde, a produción televisiva e as emerxencias sanitarias, entre outros.
Telefónica ten en marcha actualmente en Galicia 12 casos de uso, nos que está a investir, en colaboración cos seus socios, un total de 15 millóns de euros. Nove destes casos de uso corresponden ao programa de Red.es, do que resultou adxudicataria en maio do ano pasado, e os outros tres ao Nodo de Cooperación impulsado pola Xunta de Galicia. Os pilotos de Red.es teñen que ver, en primeiro lugar, coa posibilidade de utilizar 5G para levar servizos equivalentes á FTTH a aqueles clientes que por diversas razóns (fundamentalmente, de illamento xeográfico) non poden acceder á fibra óptica. Tamén, en colaboración con Fomento, está a probarse no túnel de O Cereixal, en Lugo, as posibilidades da 5G para a asistencia á condución de vehículos, de tal maneira que os condutores poidan coñecer as condicións meteorolóxicas, de tráfico, de obras, etc., á saída do túnel. No estaleiro de Navantia (Ferrol), está a ensaiarse a 5G e as súas aplicacións en realidade aumentada e streaming ultrarrápido para mellorar as eficiencias na produción e reducir os tempos de mantemento e paradas. Con Adif, por outra banda, está a probarse a eficacia da 5G na utilización de drons para revisar os tendidos de toda a rede de ferrocarrís en España. Os drons van equipados con múltiples sensores que ao sobrevoar o tendido envían información e, grazas á intelixencia artificial, poden recoñecer obxectos e realizar tarefas de mantemento preditivo, entre outras.
No ámbito da saúde, con Red.es, do Ministerio de Economía, está a levarse a cabo tamén en Galicia o piloto Ocuexplorer, encadrado en tele-oftalmoloxía e, especificamente, no diagnóstico temperán do fondo do ollo. O prototipo toma centos de imaxes do ollo por segundo, en alta definición, e envíaos a un centro de computación onde realiza un diagnóstico con algoritmos de intelixencia artificial e tecnoloxía óptica utilizada en Fórmula 1. Doutra banda, coa empresa galega Cinfo está a traballarse nun piloto para levar a cabo retransmisións automáticas de partidos desde estadios e polideportivos, de tal maneira que as cámaras identifican as xogadas mediante intelixencia artificial. Esta tecnoloxía abaratará enormemente os custos da retransmisión deportiva, de tal maneira que poderán acceder a ela os equipos máis modestos e os deportes minoritarios. E, por último, coa universidade de Vigo está a traballarse nun piloto para a asignación dinámica da rede de 5G dun usuario a outro, en función do servizo.
Doutra banda, coa Xunta de Galicia e o seu Nodo de Cooperación, Telefónica traballa xa desde 2018 en tres casos de uso. Un, para probar as posibilidades desta tecnoloxía na xestión das emerxencias do 112; outro, para a retransmisión de directos en 4K utilizando a rede 5G; e, finalmente, e en colaboración co Sergas, está a probarse no centro de saúde de Taboada (Lugo), as posibilidades da 5G no envío de imaxes de diagnóstico e na xestión de consultas en remoto.

PUBLICIDADE