Bq continúa a apostar polas tabletas con Windows

luns, 22 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Bq non só comercializa produtos baseados en Android, e tras lanzar o ano pasado unha tableta con Windows 8, agora renova o produto e conta no seu catálogo coa tableta bq Tesla 2 W8, que cun procesador Intel Atom Z3735F de catro núcleos a 1,83 GHz, 2 Gb de RAM e 32 Gb de almacenamento ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 Gb permite achegar unha completa experiencia de uso baixo Windows 8.1.
Esta tableta pode así gozar de Office 365, que inclúe as 7 aplicacións profesionais do Office de Microsoft, 1 TB de almacenamento en liña en OneDrive e 60 minutos ao mes en chamadas mediante Skype. E incluso completan a oferta de software/servizos con 3 meses de balde de Wuaki Selection, para gozar dun catálogo de películas e series de televisión que poden reproducirse á carta.
A bq Tesla 2 W8 está á venda por 249,99 euros e aparte das prestacións mencionadas tamén podemos destacar que ten unha pantalla IPS de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, saída micro-HDMI para poder gozar dos contidos en pantalla grande a 1.080p, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, cámaras de 5 e 2 Mpíxeles, 2 altofalantes de 0,7 watts, batería de 7.000 mAh (que promete unha grande autonomía) e un peso bastante contido (650 gramos). Un equipo a ter en conta para quen queira combinar lecer e produtividade nun único equipo.

PUBLICIDADE