Buck Rogers podería ter videoxogo en 2011

xoves, 22 de abril do 2010 Marcus Fernández

A BBC está a preparar un xogo episódico do Doutor Who que botará a andar no mes de xuño e será de balde, o que agradecerán os afeccionados a este personaxe que acadou certa popularidade en Galicia grazas a unha serie emitida na TVG hai un par de décadas, pero non é a única produción emitida pola Galega neses tempos que volve á actualidade, pois Paul W. S. Anderson, director da primeira película de Resident Evil (e da vindeira entrega da saga), asegurou estar involucrado nun videoxogo que retomará as aventuras de Buck Rogers, o astronauta que quedou conxelado para espertar no século XXV, para vivir moitas aventuras consideradas auténticos clásicos da ciencia ficción televisiva (aínda que o personaxe nacese nos comics).
O novo xogo aínda está sen comezar (Anderson está a buscar un estudo de desenvolvemento), e o seu lanzamento estaría programado para 2011, de xeito que coincidiría cunha película cinematográfica baseada no mesmo personaxe, o que permitiría un traballo conxunto como tamén fixeron no seu momento con Avatar, aínda que con pouca fortuna.

Na serie que emitían na TVG había personaxes tan carismáticos coma o robot Twiki

PUBLICIDADE