CD Projekt Red prepara un novo xogo de Cyberpunk 2077 e 3 de The Witcher

mércores, 5 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Tras unha etapa complicada por mor do desastroso lanzamento do xogo Cyberpunk 2077, CD Projekt Red anuncia a súa nova estratexia a longo prazo, na que confirman que seguirán co polémico xogo futurista, que nas últimas semanas recuperou forza gañando moitísima popularidade grazas á serie de Netflix Cyberpunk 2077: Edgerunners, o que propiciou que superase os 20 millóns de copias vendidas, marcando unha clara distancia entre a percepción do público e o auténtico rendemento do xogo, que pese á súa mala sona inicial parece ter deixado un pouso que facilita a ampliación do universo do xogo de rol Cyberpunk 2077.
Dende CD Projekt Red non só insisten en que están a traballar nunha expansión de Cyberpunk 2077 titulada Phantom Liberty, senón que tamén confirman que teñen prevista unha secuela que explotará o potencial deste universo de ciencia ficción a través do proxecto Orion, nome en clave que ten polo momento este desenvolvemento.
Pero este proxecto non é o único que ten na axenda a compañía, senón que tamén anticipa que ten 3 proxectos relativos a outro dos seus grandes éxitos, The Witcher, universo no que se ambientarán os proxectos Sirius (no que hai máis de 60 persoas involucradas actualmente e que será unha visión innovadora achegada polo estudio The Molasses Flood), Polaris (con máis de 150 persoas involucradas e que traducirase nunha nova triloxía que verá a luz nun período de 6 anos) e Canis Majoris (unha aventura de mundo aberto que recaerá nun estudio externo formado por veteranos da primeira triloxía de The Witcher).
Outro anuncio, aínda sen concretar, sería o da posta en marcha do proxecto Hadar, que sería un traballo interno de CD Projekt Red, que aínda está en fase conceptual, e que non tería nada que ver con anteriores traballos da compañía, senón que pretendería dar pé a unha marca totalmente nova.

PUBLICIDADE