CENATIC valora positivamente o Plan galego de Software Libre

luns, 21 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

CENATIC vén de achegar o seu punto de vista sobre o acordo asinado os días pasados con AMTEGA co obxectivo de colaborar conxuntamente no impulso ao software libre na nosa terra. Esta colaboración, como recordaremos, insírese no marco do Plan de Software Libre do Goberno Galego, un programa de actividades que conta con case un millón de euros de investimento e abrangue 120 actuacións de toda índole. A xuízo de CENATIC, logo do aforro xerado os dous anos anteriores grazas á aposta polo código aberto na nosa terra (2,5 millóns de euros de aforro), “está claro que as contas, a través do software libre, saen”.
O plan de AMTEGA, no que amais de CENATIC participan asociacións galegas (AGUSL, de usuarios, e AGASOL, de empresas), inclúe proxectos estratéxicos baseados en programación aberta, como Abalar (dixitalización das aulas), a Administración Electrónica ou a formación dixital á cidadanía. Segundo CENATIC, é importante subliñar o potencial destas medidas en particular e do propio Plan de Software Libre en xeral, en boa medida como apoio ás empresas galegas para que tiren “o mellor proveito posíbel das oportunidades de creación de negocio, de emprego e de riqueza que ofrece a programación aberta, así como fortalecer e dar visibilidade a súa oferta comercial”. Son palabras de Miguel Jaque, director xerente do centro, presente os días pasados en Santiago para asinar o convenio de colaboración con AMTEGA. Lembrar que o Centro de Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en fontes abertas (CENATIC) é un proxecto estatal que ten a misión de fomentar e difundir as novas tecnoloxías de código libre en tódolos eidos da sociedade, sendo un dos seus obxectivos o de situar a España entre os países de referencia neste tipo de tecnoloxías.

PUBLICIDADE