CTI e Level Telecom traballan nunha plataforma para mellorar os procesos das firmas ligadas ao mar

mércores, 27 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

O sector galego ligado á pesca está a recibir nos últimos tempos importantes pulos tecnolóxicos para a mellora das súas actividades, tanto das propias empresas ligadas ás mesmas como das nosas firmas do eido dixital. Un exemplo disto é a iniciativa posta en marcha de xeito conxunto por ANFACO-CECOPESCA (organización de conserveiras con sede en Vigo), CTI Consultores e Level Telecom (empresas do sector tecnolóxico dixital, ámbalas dúas ligadas asociadas a Ineo). Máis polo miúdo e segundo conta Ineo, as tres entidades participan no desenvolvemento dunha plataforma a través do proxecto Redetag para permitir o control dos sistemas de trazabilidade, xestión da produción, provisións, vendas, loxística e outros procesos da cadea de valor para as empresas do sector mar-industria do noso país.
O proxecto, que está hoxe en desenvolvemento, apóiase na xestión de captura de datos en planta usando tecnoloxías de radiofrecuencia (RFID), co obxectivo de coñecer as liñas do proceso produtivo, e xerar e validar un sistema de información integral das propias plantas de produción.
A nova plataforma que CTI Consultores e Level Telecom están a desenvolver a través do proxecto REDETAG, liderado por ANFACO-CECOPESCA, persegue polo tanto a mellora competitiva do sector mar-industria galego. Segundo engade Ineo reflectindo datos dos responsables da iniciativa, o obxectivo en detalle “é xerar unha solución común para as empresas, que disporán dunha ferramenta que integra a información de todos os procesos e determinados puntos de control, coa vantaxe de que pode adaptarse ás particularidades de cada firma”.
Polo que respecta ás responsabilidades de cada unha das entidades participantes, dicir que ANFACO-CECOPESCA desenvolve as especificacións do sistema baseado nos procesos produtivos do sector mar-industria; a empresa CTI Consultores, experta en consultoría de sistemas, leva a cabo a creación, o desenvolvemento e a implantación física da plataforma, e LEVEL Telecom, especialista na implantación de tecnoloxías TIC a procesos, deseña solucións tecnolóxicas baseadas en RFID para o control dos procesos produtivos e a súa vinculación á devandita plataforma.

PUBLICIDADE