CaixaBank traerá Samsung Pay a España

venres, 22 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Os métodos de pagamentos baseados no móbil levan xa bastantes meses tentando imporse en mercados como o norteamericano, demostrando que a tecnoloxía está á altura do reto que facilita a vida aos usuarios, e agora as compañías detrás destas solucións están a traballar no seu espallamento internacional, e como estaba previsto, 2016 será o ano no que en España comezaremos a ver estes nosos sistemas de pagamento funcionando, sendo unha das primeiras compañías en ousar a introducir o pagamento móbil CaixaBank, que vén de pechar un acordo con Samsung para pór a disposición dos seus clientes a tecnoloxía coñecida como Samsung Pay, que estrearíase así en España.
Dende a entidade bancaria dan conta de que tanto os clientes de CaixaBank como os de imaginBank poderán gozar deste novo servizo de pagamento móbil, seguro e doado de usar, que pode empregarse para realizar compras en case calquera establecemento do mundo onde poida pagarse con tarxetas bancarias contactless (actualmente xa hai un importante número de TPV con esta tecnoloxía, aínda que non se empregue activamente, estimándose que en España hai actualmente un parque de 600.000 datáfonos deste tipo, o seu sería máis do 70% do total).
Con Samsung Pay os usuarios que desexen realizar un pagametno só terán que deslizar o dedo na pantalla do seu teléfono para abrir a aplicación de pagamentos, escanear a súa pegada dixital e pagar con total seguridade, xa que esta solución fai uso da tokenización dixital, Samsung KNOX e a autentificación con pegadas dixitais, que ao combinarse xunto co estándar EMV adoptado por numerosos smartphones permiten un nivel de protección que garante a seguridade das operacións de pagamento (aínda que para operacións de máis de 20 euros continúan a solicitar a introdución dun código PIN para autorizar a operación de pagamento).
Este servizo botou a andar en probas hai poucas semanas e nos vindeiros meses pasará a fase comercial, na que os usuarios poderán descargar as súas tarxetas de CaixaBank no seu smartphone para realizar pagamentos. Algúns dos teléfonos que son compatibles con Samsung Pay serían os Galaxy S6, S6 edge e S6 edge+.
Este servizo competirá en breve con Android Pay e Apple Pay, plataformas coas que comparte boa parte da tecnoloxía, esperándose que as tres funcionen nos mesmos TPV sen maiores problemas.

PUBLICIDADE