Camina Conmigo loita contra o sedentarismo dende a Nintendo DS

martes, 27 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Moitos dos grandes títulos para Nintendo DS non son precisamente videoxogos, de xeito que se centran en actividades para manter activo o cerebro, cociñar, deixar de fumar, etc., polo que non sorprende que agora queiran trasladar a filosofía do Wii Fit á pequena consola portátil, e así en breve lanzarán un programa que incluirá un par de podómetros (presentados o pasado mes de outubro) para instar ao usuario a facer exercicio.
Camina Conmigo quere mellorar a saúde e o ritmo de vida do usuario loitando contra o sedentarismo. Así, o usuario pode facer exercicio levando enriba un dos medidores de actividade incluídos que, ao conectalos á Nintendo DS transmitirán o rexistro da actividade física para que o software o analice nunha serie de gráficas, animando ao usuario a chegar a uns obxectivos, á vez que tamén presenta consellos e recomendacións para controlar a actividade física.
A aplicación tamén permite comparar os nosos resultados cos de amigos e familiares (ou incluso mascotas), achega os Miis á Nintendo DS (podendo transferirse dende a Canle Mii da Wii) e incluso comparar os nosos rexistros cun ranking mundial a través da Conexión Wi-Fi de Nintendo.
A partir do 20 de febreiro poderase mercar en España o paquete de Camina Conmigo con 2 medidores de actividade a un prezo recomendado de 49,95 euros.

O xogo permite comparar os resultados de 4 usuarios distintos na mesma consola

PUBLICIDADE