CaminoTool crea un rexistro con máis de 1.000 establecementos do Camiño adaptados á COVID-19

mércores, 8 de xullo do 2020 S. P.

CaminoTool, app galega para peregrinos do Camiño de Santiago, vén de introducir unha relevante novidade relativa ao contexto actual de risco sanitario e as consecuencias aínda activas da COVID-19. Trátase dunha funcionalidade que rexistra os establecementos do Camiño que actualmente se atopan abertos e adoptaron medidas de protección fronte ao coronavirus.
Segundo informan os creadores da ferramenta, “é unha iniciativa única destas características e gratuíta para os establecementos, cuxo obxectivo é apoiar a reactivación turística e económica da Ruta Xacobea”.
O rexistro, en constante actualización, canalízase a través da app, e conta xa con máis de 1.000 establecementos das rexións polas que atravesan as principais rutas do Camiño (principalmente Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, A Rioxa, Navarra, Castela e León e Estremadura).
Este acubillo online de locais abertos que garanten medidas sanitarias específicas está dispoñíbel a través do botón COVID-19 Adaptado, que permite xeolocalizalos no mapa e nas diferentes rutas. Con esta iniciativa, os creadores da ferramenta pretenden “apoiar a reactivación turística e económica da Ruta Xacobea, permitida xa a mobilidade nacional e abertas as fronteiras e o espazo aéreo para a chegada de turistas internacionais”.
O rexistro de CaminoTool elaborouse a partir de enquisas directas aos propietarios ou directores de establecementos que permitiron coñecer en detalle as súas datas de reapertura e os aspectos tidos en conta para garantir, na medida do posíbel, unha estadía segura aos seus clientes.
Trátase dunha “lista viva”, informan, “en constante actualización e totalmente gratuíta para os negocios do Camiño”, que a día de hoxe conta con 1.050 establecementos adaptados fronte ao COVID-19. Deles, o 85% son aloxamentos, albergues e hostais, mentres que o 15% restante corresponde a servizos como restaurantes, taxis, farmacias, clínicas fisioterapéuticas ou servizo de bicicletas.
As seis principais rutas do Camiño de Santiago (o Camiño do Norte, o Francés, o Inglés, o Portugués, o Primitivo e o de Fisterra) dispoñen na actualidade de establecementos abertos que tomaron medidas de protección contra o coronavirus e están preparados para dar cobertura aos peregrinos no seu percorrido.
“Grazas ao desenvolvemento constante da tecnoloxía e ao deseño dinámico da aplicación puidemos incorporar este botón nun tempo marca, para que quen tivese nas súas previsións facer a Ruta Xacobea non se botase atrás e tivese a tranquilidade de saber que atopará onde aloxarse de maneira segura”, explica Víctor García, co-fundador de CaminoTool.

PUBLICIDADE