Canon anuncia un sensor CMOS de 250 Mpíxeles

luns, 7 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que nos últimos anos puidemos ver como os fabricantes de smartphones e cámaras dixitais foron abandonando paulatinamente a guerra por incrementar de xeito absurdo a resolución dos seus sensores apostando máis por incorporarlles mellores estabilizadores de imaxe ou obxectivos máis luminosos, elementos que conseguen mellores imaxes dun xeito máis perceptible que a carreira polos megapíxeles, pero a resolución segue a ter importancia en certos escenarios, ou sexa, para usos profesionais, de aí que hoxe vexamos como Canon anuncie un sensor CMOS de tamaño APS-H (29,2 x 20,2 milímetros) cunha resolución de 250 Mpíxeles (19.580 x 12.600 píxeles) de xeito que sería o sensor deste tipo coa maior resolución.
Esta tecnoloxía permitiría que captar o texto no lateral dun avión que voase a 18 quilómetros de distancia de onde se dispare a fotografía, pero para conseguir tal foi preciso mellorar considerablemente a velocidade de transmisión da información da lente para evitar retardos de sinal e discrepancias no tempo, de xeito que o novo sensor de Canon podería mover 1.250 millóns de píxeles por segundo, para o que houbo que incorporar avances na tecnoloxía de procesador de sinal e de miniaturización de circuítos. Este sensor podería así capturar até 5 imaxes por segundo a resolución completa.
Para facernos unha idea do que supón unha imaxe de 250 Mpíxeles, sería como xuntar 125 imaxes Full HD, permitindo así que se tomasen fragmentos da imaxes completa mantendo unha resolución e claridade magníficas, xa que se partiría dun orixinal de grande tamaño que sería ideal para sistema de vixilancia e moitos usos industriais.

PUBLICIDADE