Capcom presenta novidades dos seus vindeiros xogos

martes, 14 de xuño do 2022 Marcus Fernández

As grandes compañías de videoxogos continúan a realizar anuncios estes días pese a non celebrarse a feira E3, e dende Capcom organizaron un Showcase para deixar que os seus seareiros puidesen botar unha ollada a Monster Hunter Rise: Sunbreak (que sairá á venda o 30 de xuño); presentaron Resident Evil Village Gold Edition e a súa expansión dos Winters; amosaron como será Resident Evil 4; deron conta de que o xogo de dinosauros Exoprimal iniciará a súa beta pechada o mes que vén; e incluso realizaron distintos anuncios sobre Street Fighter 6, Capcom Fighting Collection (que sairá á venda o 24 de xuño) e Capcom Arcade 2nd Stadium (dispoñible dende o 22 de xullo).

Resident Evil

Para moitos, o máis agardado da presentación de Capcom era o relativo á franquía de Resident Evil, que consegue manterse de actualidade pese á súa lonxevidade, e do que a súa última entrega, Resident Evil Village terá a expansión dos Winters o 28 de outubro (que continuará a historia con Shadows of Rose, aventura protagonizada por Rose Winters, filla do protagonista do xogo orixinal e ambientada 16 anos despois). O 28 de outubro tamén sairá Resident Evil Re:Verse, experiencia multixogador de balde para os usuarios de Resident Evil Village.
Sobre Resident Evil 4 tamén amosaron detalles que deixan claro que estamos ante un xogo con bastantes cambios con respecto á súa edición clásico, polo que estamos ante unha reimaxinación moderna en vez de ante unha simple remasterización. Está previsto que o xogo saia o 24 de marzo de 2023.
Pola contra, os xogos Resident Evil 2, Resident Evil 3 e Resident Evil 7 Biohazard, bastante recentes, chegaron hoxe mesmo a PlayStation 5 e Xbox Series X|S, con gráficos 4K, trazado de raios, alta velocidade de fotogramas e audio 3D, podendo actualizar de balde a estes xogos quen os tivese en dixital para consolas da anterior xeración.

Os xogos Resident Evil 2, Resident Evil 3 e Resident Evil 7 Biohazard chegaron hoxe mesmo a consolas de nova xeración

O Capcom Showcase en vídeo

PUBLICIDADE