Carlos Jardón, especialista en calidade, intervirá no seminario de boas prácticas do CPETIG

venres, 4 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Carlos Jardón, especialista en calidade e novas tecnoloxías da información ligadas ao eido financeiro, participará como relator no Seminario de Boas Prácticas en Xestión de Proxectos que organiza o CPETIG o vindeiro 17 de xuño no Telecentro de Santiago de Compostela (na imaxe). Jardón, que desenvolve o seu labor como coordinador de proxectos de banca na Dirección de Outsorcing de Tecnocom, acudirá á xornada galega para falar entre outras cousas dos mellores métodos dispoñibles arestora para asegurar a máxima calidade nos produtos ou servizos que as empresas lles achegan aos seus clientes.
Dito doutro xeito e botando man do título da súa contribución á xornada: falará de A xestión de proxectos como piar de calidade.
Segundo nos conta o propio Jardón co obxectivo de avanzar o miolo da súa intervención (que como todas as demais será retransmitida por videoconferencia aos telecentros de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo), cómpre estar ao tanto das diferentes metodoloxías e técnicas coas que se pode contar hoxe en día no obxectivo de acadar a meta de “cero defectos” nun produto. Con todo, cómpre ir alén diso. Ao seu xuízo, “a calidade é algo máis que defecto cero, a calidade é o cumprimento dunhas expectativas, de satisfacción do cliente, e para acadar este obxectivo son precisos uns procesos de xestión claros e efectivos”. Ao longo do seu relatorio, Jardón ten programado salientar a importancia dunha correcta xestión de proxectos como alicerce para conseguir a calidade dos mesmos.

PUBLICIDADE