Case 200 persoas tiraron o máximo partido dunha edición de FIC OnLan máis carnavaleira ca nunca

venres, 15 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

A cuarta edición do encontro FIC OnLan celebrada na Coruña os días pasados confirmou o que se agardaba: que a celebración do Entroido e das posibilidades de comunicación e interrelación das novas tecnoloxías fan boa mestura. Así se reflicte, segundo nos conta a organización da xuntanza, no record de participación acadado na apertura do prazo de inscrición e máis na concorrencia propiamente dita de seareiros das TIC na sede de FIC OnLan (as dependencias da Facultade de Informática da Coruña): case 200 persoas, tirando o máximo partido da dita combinación tecnoloxía-Entroido.
Houbo de todo, como se agardaba, tanto no espazo reservado para os internautas inscritos (intranet) como ao longo e ancho de extranet (o escenario público para tódolos visitantes). Por exemplo, unha chea de torneos e concursos arredor de diversos videoxogos de moita actualidade e cuestións como a fotografía dixital, o deseño en 2D, a programación e máis segredos e particularidades de Robocode, un software que, entre outras cousas, permite programar o comportamento de unha máquina-robot e probalo ao máximo mediante o enfrontamento con outros aparellos programados polo resto de usuarios.
Tamén houbo, como era de agardar, un concurso de disfraces, no que, en palabras da organización, “non faltaron nin participantes nin orixinalidade”. E engaden: “Todo isto regado cun bo número de galardóns achegados polos nosos patrocinadores, entre os que se contaron Alita, Samicro, PC Carrier, AeroCool, TelePizza, RedBull e Gadis”.
Polo que atinxe á extranet, dicir que contou coa participación directa dos integrantes de ManGalego, que organizaron diversas actividades de lecer dixital (e non tan dixital) con feitura de xogos de videoconsolas e xogos de mesas, contándose coa presenza de arredor de 200 persoas (asistentes en xeral) que tiveron ao oportunidade de gozar en primeira persoa dos torneos que se desenvolveron.

Un par de centos de persoas participaron na presente edición de FIC OnLan

PUBLICIDADE