Cataluña aposta pola tecnoloxía de Microsoft para renovar a súa Administración

mércores, 4 de maio do 2011 Raquel Noya

O Departamento da Presidencia da Generalitat de Catalunya vén de renovar o software base dos seus equipos informáticos, apostando de novo pola tecnoloxía de Microsoft, ao renovar o acordo que ambas entidades mantiñan.
Deste xeito, o organismo público actualizou os seus equipos a Windows 7 e Office 2010, co obxectivo de, segundo informaron, “acadar unha meirande eficiencia e produtividade na organización”; “ademais de poder disfrutar dunha clara vantaxe competitiva económica na renovación”, engadiron.
Esta implantación TIC contempla a migración de máis de 1.600 estacións, que se irán cambiando a un ritmo de 40 estacións por semana, incluíndo nalgúns casos a renovación de CPUs.
Dende o Departamento da Presidencia aseguran ter apostado por Microsoft por ofrecer unhas prestacións en funcionalidades e mantemento “superiores ao resto da oferta TIC do mercado”, e tamén por tratarse dunha tecnoloxía que se integra “perfectamente” coas súas ferramentas de sistemas e aplicacións.
Pola súa banda, responsables de Microsoft aseguran que o proceso de migración por parte desta entidade pública (neste momento migraron 550 PCs dos 1.600 contemplados) “desenvolveuse de maneira coordinada e estruturada, acadando resultados sobresaíntes”.

PUBLICIDADE