Catherine chega ás tendas españolas

venres, 10 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

O xogo conta con fases que mesturan quebracabezas con plataformas

O estudo detrás da saga Persona trae hoxe ao mercado europeo o xogo Catherine, título inicialmente lanzado no Xapón, que finalmente podemos ver no noso territorio en versións para Xbox 360 e PlayStation 3, que sorprende tanto polas súas mecánicas de xogo como polo seu enfoque adulto no que faise un achegamento psicolóxico aos seus personaxes.
Catherine combina aventura e acción con quebracabezas, plataformas, supervivencia e erotismo, deixando claro que estamos ante un xogo non apto para todos os públicos, non só pola súa clasificación PEGI +18, senón polo xeito de transcorrer o xogo, que pode incomodar a moitos usuarios.

A vida de Vincent cambia cando coñece a Catherine

O argumento conta a historia de Vincent, mozo que vive nun barrio no que recentemente faleceron outros novos mentres durmían, cunha mirada de angustia no seu rostro, provocando o rumor de que se unha persoa soña que cae e non esperta pronto será incapaz de deixar o soño e morrerá. Este pretexto non terá máis importancia ata que Vincent, que leva 5 anos coa súa moza Katherine, pasar unha noite cunha moza chamada Catherine, o que parece ser o detonante de pesadelos nocturnos que parecen confirmar os rumores anteriores.
Comeza así unha dobre historia, na que durante o día Vincent investigará conversando con xente nun bar, mentres que polas noites deberá sobrevivir aos retos que xorden nos seus soños.

PUBLICIDADE