Chega NDI 5

luns, 19 de xullo do 2021 Marcus Fernández

NewTek leva anos converténdose en todo un referente no vídeo profesional, especialmente grazas ao seu estándar de vídeo sobre IP de baixa latencia, NDI, que até o momento limitábase a redes locais, pero que, atendendo ás necesidades que xurdiron nos últimos meses abriuse ao mundo con NDI 5, de xeito que agora pódense establecer pontes entre distintas redes para traballar como se estivesen os distintos equipos nunha única rede local, ou simplemente establecer conexións directas cun único equipo remoto para así recibir vídeo de alta calidade para a incorporación ao fluxo de traballo dun xeito directo. Esta última función resulta especialmente práctica, xa que permite que un estudio de directo poida conectar cun entrevistado ou cun redactor remoto simplemente a través dun enderezo web que establece a comunicación de vídeo coa cámara do equipo que se conecta, conseguindo que o vídeo flúa con máis calidade e menor retardo.
Con NDI 5 temos toda unha serie de ferramentas moi prácticas, como un capturador de pantalla (que pode ser de interese, por exemplo, a xogadores que queiran retransmitir as súas partidas), unha webcam virtual (que permite asignar calquera fluxo de vídeo NDI a unha webcam virtual, de xeito que nas aplicacións de mensaxería instantánea podemos amosar esa fonte de vídeo directamente), un sistema de conexións remotas (para poder recibir sinais de vídeo vía web), un xestor de audio (que permite transportar as entradas e saídas de audio a certas estacións de traballo compatibles con engadidos VST3) e incluso engadidos para poder lanzar vídeos por NDI directamente dende o reprodutor VLC ou dende ferramentas de edición de Adobe (e Final Cut no caso de equipos Mac).
Estamos, sen dúbida, ante un grande salto nesta tecnoloxía, que cada vez fai máis versátil a realización de vídeo, tanto para a Internet como para retransmisións tradicionais, aproveitando o potencial das redes de datos e da banda larga, facendo posible escenarios de produción híbridos nos que o mundo poida converterse nun estudio audiovisual.

JPEG - 83.5 KB
Con NDI 5 podemos crear un fluxo de vídeo NDI directamente dende un navegador web

PUBLICIDADE