Chega a Android un emulador de Nintendo Switch

mércores, 31 de maio do 2023 Marcus Fernández

A filtración do último xogo de Zelda para Nintendo Switch levou a que moitos xogadores soubesen da posibilidade de emular a consola de Nintendo no seu ordenador persoal, podendo así gozar de moitos títulos cun nivel gráfico bastante superior aos da consola orixinal (moi limitada tecnicamente) e un dos emuladores de Switch máis reputados podería agora disparar a súa popularidade grazas a que vén de estrear versión para Android, o que permite que agora tamén sexa posible gozar da emulación de Switch en mobilidade.
Na propia tenda de aplicacións de Google podemos atopar tanto a versión oficial de Yuzu como a versión Early Access (máis experimental), abrindo así este atractivo emulador ao grande público, aínda que polo momento presenta bastantes limitacións xa que estamos ante unha primeira versión. Están a traballar en sincronizar os traballos entre a versión para Android e a de escritorio, para que no futuro as novidades cheguen a ambas aplicacións simultaneamente, pero neste momento a prioridade é mellorar o rendemento e a compatibilidade no diverso hardware que funciona con Android.
Neste momento se queremos gozar de Yuzu no noso móbil con Android precísase dun dispositivo cun procesador Qualcomm Snapdragon e unha gráfica Adreno, sendo recomendable que como mínimo teñamos un Snapdragon 865 con 8 GB de RAM, ou sexa, que o emulador correría en smartphones de alta gama lanzados nos últimos 3 anos.
Actualmente o rendemento dos xogos de Switch parece bastante bo, e nun Samsung Galaxy S20 FE 5G (lanzado no outono de 2020) corre a 30 imaxes por segundo xogos como Animal Crossing: New Horizons e The Legend of Zelda: Link’s Awakening, conseguindo rendementos bastante mellores en Super Smash Bros. Ultimate, Super Mario Odyssey e Donkey Kong Country: Tropical Freeze, mentres que títulos como The Legend of Zelda: Breath of the Wild terían un funcionamento moi deficiente. Se contamos cun móbil máis recente, como un Samsung Galaxy S23, case todos os xogos funcionarían con bastante fluidez, cos máis básicos superando as 60 imaxes por segundo, aínda que o xa mencionado Breath of the Wild só chegaría aos 20 fotogramas por segundo (aínda que confíase en que a situación mellore bastante con futuras actualizacións). Destacan no estado actual do emulador hai xogos como The Legend of Zelda: Tears of the Kingdom que precisan de 12 GB de RAM, e tamén aseguran que moitos dos móbiles compatibles elevan bastante a súa temperatura ao correr o emulador (polo que para xornadas de xogo intensivas recomendarían terminais orientados ao gaming, que coidan especialmente a súa refrixeración).
Resta agora ver se Yuzu mantén a súa presenza nas tendas de aplicacións ou atopar a oposición de Nintendo, pois este tipo de aplicación pode ter impacto nas súas vendas (aínda que Yuzu non inclúe as claves que permite gozar dos xogos de Switch, polo que non sería unha aplicación ilegal).

PUBLICIDADE