Chega a Android un xogo galego ao máis puro estilo do Mario Kart

luns, 14 de xullo do 2014 Marcus Fernández

A editora compostelá Iberian Games está a estrearse en Google Play co seu primeiro videoxogo editado baixo o seu selo, Kartoon Crazy Racing, que vén a ser un sinxelo xogo de carreiras de corte clásico na liña co célebre Mario Kart, pero contando con animais como pilotos. Este título pode descargarse de balde, pois publícase baixo a fórmula do free-to-play, e permite gozar de carreiras en tempo real tanto de xeito individual como en modos multi-xogador, para o que os usuarios poderán elixir vehículo e mascota, contando durante as competicións con armas cos que defenderse cos contrincantes, globos para poder coller power ups e turbo, á vez que o control poderá empregarse tanto con controis táctiles en pantalla (que poden ser botóns de esquerda e dereita ou un máis preciso volante) como o acelerómetro do noso dispositivo (de xeito que moverémonos inclinando o trebello).
O xogo goza de gráficos 3D, 8 circuítos diferentes, 8 personaxes, a posibilidade de botar partidas en liña de xeito simultáneo e numerosas opcións de personalización, converténdose nun título moi recomendable para todos os públicos que queiran gozar nun dispositivo con Android dunha experiencia á que xa están afeitos moitos usuarios de consolas de Nintendo.

O xogo permitiranos elixir entre 8 personaxes con aparencia cartoon
Kartoon Crazy Racing conta con distintos vehículos personalizables


Vídeo promocional de Kartoon Crazy Racing

PUBLICIDADE