Chega a España o BlackBerry KEYone

luns, 18 de decembro do 2017 Marcus Fernández

No marco do Mobile World Congress presentouse o smartphone BlackBerry KEYone, un terminal que en abril comezou a venderse a 599 euros nalgúns mercados, pero afastándose de España até agora, cando con moitos meses de retraso chega oficialmente o dispositivo en dous modelos: un con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento a un prezo de 549 euros, e outro con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento que custa oficialmente 649 euros.
Sobra dicir que os prezos oficiais destes terminais que poden mercarse na propia web da compañía ou en tendas como Amazon e operadores como Vodafone, xa poden atoparse a prezos inferiores, en boa medida porque a referencia oficial parece totalmente allea ao mercado, onde dispositivos con características análogas (pero sen teclado físico) custan menos da metade. Non podemos esquecer que pese a ter a marca BlackBerry realmente estamos ante móbiles chineses do fabricante TCL Communication, cuns estándares de calidade moi distantes, como demostraron as numerosas incidencias que padeceu o KEYone nos últimos meses nos países onde estaba dispoñible (que foron dende pantallas que de despegaban do terminal até problemas de estabilidade que provocaban fallos nas teclas capacitivas, nas tarxetas microSD, nos auriculares ou na recepción de notificacións).
Lembremos que o BlackBerry KEYone é un smartphone con pantalla de 4,5 polgadas cunha resolución de 1.620 x 1.080 píxeles, que non chegaría ao tamaño ao que estamos afeitos actualmente para deixar espazo para o seu teclado QWERTY físico. Tamén conta con cámara traseira Sony de 12 Mpíxeles, batería de 3.505 mAh con carga rápida (pode cargarse até a metade da súa capacidade en só 36 minutos) e funciona cunha versión de Android centrada na seguridade (baseada en Android 7.1) e coa solución de mensaxería unificada BlackBerry Hub integrada. O procesador que equipa este teléfono é un Qualcomm Snapdragon 625 (ou sexa, o mesmo que un Mi A1 que véndese actualmente en España a 209 euros con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento), inclúe NFC, o seu grosor é de 9,4 milímetros e o seu peso de 180 gramos.

PUBLICIDADE