Chega a Europa o OQO e2

martes, 18 de setembro do 2007 Marcus Fernández

O asombroso ordenador ultraportátil OQO avanza en Europa co desembarco destes potentes e completos equipos de tamaño reducido que se poderán achegar dende os distribuidores eXpansys, Portix e Dynamism, nos que xa se pode encargar o novo modelo e2.
A empresa tamén abriu unha oficina no Reino Unido, dende a que dirixir a súa expansión europea, xa que estiman que o mercado móbil do Vello Continente é moi atractivo neste momento.
O OQO e2 é un dos poucos UMPC compatible con Windows Vista (aceptando tamén XP Profesional e XP Tablet PC Edition 2005) que inclúe un teclado pensado para o seu uso cos dedos polgares, Wi-Fi, Bluetooth, pantalla ultrabrillante de 5 polgadas (800 x 480 píxeles), procesador VIA C7-M de ata 1,6 GHz, memoria DDR2 de ata 1 Gb e opción de incluír disco duro de ata 120 Gb ou de memoria sólida de ata 32 Gb.
O curioso portátil mide 142 x 84 x 26 mm, pesa só 454 gramos e ten unha autonomía de ata 6 horas, sendo un dos equipos máis portátiles que hai actualmente no mercado, que se poden achegar en prezos que van dende os 1.420,39 ata os 2.256,40 euros.

PUBLICIDADE