Chega á Rede a serie transmedia creada polo alumnado de CCSS e da Comunicación: Destapando Casares

xoves, 16 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Xa está na Rede, dispoñíbel para quen queira vela, a webserie galega Destapando Casares, creada polos participantes do máis recente Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, dirixido por Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez (profesores da UVigo) e organizado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Fundación Carlos Casares, contando co apoio de entes como a Deputación de Ourense, AGADIC e o Concello de Celanova. A serie Destapando Casares, unha creación audiovisual transmedia froito do traballo despregado no obradoiro Celanova, plató de ficción, vén coa novidade de achegar unha trama acubillada en diferentes formatos para plataformas diversas e redes sociais que a completan e a enriquecen. Este mes de xaneiro a serie atópase xa online.
“Nesta última edición decidimos facer algo un pouco máis arriscado e investigar sobre novas narrativas”, salienta Paulino Pérez, coordinador do obradoiro, no que traballaron conxuntamente alumnos e alumnas de Comunicación Audiovisual con actores e actrices profesionais (como Javier Estévez. Guillermo Carbajo, Ánxela Ríos, Laura Calvo, Inés Silva, Raquel Fernández e Artur Abad). A serie, dirixida e escrita polo estudante Ricardo Araújo, relata o que acontece na ficticia Universidade Carlos Casares cando aparece unha consta de Instagram “que ameaza con desvelar unha serie de segredos, creando un clima de incerteza”.
A trama relatada nos seus cinco capítulos vese complementada pola creación da propia conta @DestapandoCasares, en torno á que xira a trama e “na que se contan segredos que non se coñecen vendo a serie”, explica Araujo. O proxecto complétase cos contidos creados para Ivoox, que presentan os personaxes no que sería como o programa de radio desta universidade, e para Spotify, onde se reúne a música que escoita cada personaxe, así como coa web e o perfil de Facebook que recollen as novas desta “universidade ficticia”.
Promovido co patrocinio da Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Área de Normalización Lingüística da Universidade, a Deputación de Ourense, a AGADIC, a Fundación Carlos Casares, o Festival Internacional de Cine de Ourense e GM Pro Vídeo, o taller buscaba enfrontar ao equipo técnico, do que formaban parte 16 estudantes de Comunicación Audiovisual, ao reto que supón un proxecto transmedia, “con diferentes contidos interactuando ao mesmo tempo”, sinala Pérez.

PUBLICIDADE