Chega a edición 23 do curso de dirección de proxectos con PMI 6 de Vitae

mércores, 5 de outubro do 2022 S. P.

O mercado empresarial actual e tamén o laboral non deixa moito marxe para a relaxación en materia formativa: a revolucionaria transformación de todos os sectores produtivas obrigan a ampliar horizontes e adicar un tempo do noso quefacer diario a actualizar coñecementos e habilidades. Xeitos de facelo hai moitos, pero na nosa terra hai empresas como Vitae Consultores que nos facilitan ao máximo estes procesos. Por exemplo co Curso Dirección e Xestión de Proxectos baixo a metodoloxía PMI 6, que chega á súa edición 23 e que ten previsto desenvolverse os días 2, 3, 7, 8, 9, 10, 12, 14, 15, 16, 17 e 22 de novembro. Achegará novamente 35 horas de formación avanzada e innovadora, a través do acostumado formato de aula virtual de Vitae.
O curso constitúe unha boa ocasión para converternos en expertos en facer sinxelo o complexo, en motivar os nosos equipos profesionais, en optimizar ao máximo a comunicación con eles, en clarificar e definir obxectivos e na capacidade de comprender as necesidades dos nosos clientes.
A cerna da actividade formativa, como se indica no seu nome, é a metodoloxía de xestión PMI.
Segundo nos conta Vitae acerca da orixe desta actividade formativa, trátase de achegar respostas útiles ás complexidades inherentes (e ás condicións desfavorábeis) á posta en marcha de calquera proxecto TIC que esteamos a piques de abordar.
Vitae explica que “a certificación PMP acredita a persoas e xera impactos directos de valor nas organizacións”, xa que a dirección eficaz e eficiente de proxectos debe considerase como unha competencia estratéxica das empresas, que lles permite competir de maneira máis rendíbel e áxil nos seus mercados, sustentar á organización e responder ás consecuencias dos cambios na contorna de negocio, “axudando a cumprir os obxectos dos proxectos, a ser máis predicíbeis, a optimizar o emprego de recursos da organización e, en xeral, a actuar de maneira proactiva e non reactiva”.
Para quen non o saiba, a PMI (Project Management Institute) é a organización máis recoñecida a nivel internacional na disciplina da dirección de proxectos. Está integrada por máis de 600.000 profesionais de todo o mundo, expertos na xestión de iniciativas, con independencia do tamaño e complexidade das mesmas, en múltiples sectores industriais. Vitae recorda que “as boas prácticas aplicadas e postas en marcha polo PMI son coñecidas, recoñecidas e avaladas por milleiros de profesionais ao longo dunha chea de anos en miles de traballos de todos os ámbitos”.
En termos máis concretos, o PMI acredita aos profesionais na dirección de proxectos co certificado PMP (Project Management Professional), o cal goza dun alto recoñecemento, identificando a quen o posúe como profesional altamente cualificado e demandando, na medida en que aporta un coñecemento moi detallado para a dirección de iniciativas, anticipando problemas, xestionando proactivamente a incerteza e aumentado as probabilidades de éxito nos proxectos.
A persoa encargada de impartir os contidos será Javier Rosa, enxeñeiro industrial pola Universidade Carlos III de Madrid. A día de hoxe é director de Servizos e director técnico en Media Markt, e dirixe unha empresa de consutoría especializada en dirección de proxectos, implantación de sistemas de xestións por procesos, outsourcing e formación.

PUBLICIDADE