Chega o Primux Omega5, unha oportuna ferramenta de traballo e lecer

venres, 4 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

Amais da presentación de Delta4 temos máis novidades dende a compañía galega Primux Tech. Máis polo miúdo, a posta en longo do Primux Omega5, un novo chanzo nunha escaleira longa e ben produtiva de lanzamentos: aos novos modelos Primux Tech Kappa e Sigma, uniuse o Zeta2 (evolución do Zeta) e agora chega, “e pisando moi forte”, a quinta xeración do Omega, o máis veterano dos smartphones da firma galega xunto coa familia Alpha. En palabras de Primux, “estamos ante a nova achega dun teléfono intelixente plenamente consolidado no mercado e moi demandado polo seu gran tamaño (cinco polgadas), as súas óptimas prestacións e o seu prezo axustado”.
O Omega5 amosa unha pantalla moi lixeira de alto contraste IPS/OGS de 5,5 polgadas (139,70 mm), procesador Quad Core de 1,3 Xhz, en palabras dos seus fabricantes “especialmente proposto para axilizar as aplicacións de ofimática e mover con axilidade vídeos e xogos”. O procesador compleméntase con 1 XB de memoria RAM DDR3 e 16 XB de capacidade de almacenaxe interna, ampliábeis a 32 XB mediante tarxeta microSD.
“Dado que este smartphone está orientado a ser unha ferramenta indispensábel de traballo e lecer pola súa configuración”, informa Primux Tech, “foi desenvolvido para estar sempre conectado dende tódalas frontes e niveis”. Para isto, dispón de conexión 3G, Wi-Fi/n de alta velocidade, Bluetooth 4.0, GPS que funciona de forma autónoma sen depender da conexión 3G e sistema Dual SIM para dar acubillo a dúas liñas telefónicas independentes. Tamén presenta dobre cámara de fotos: a frontal de 1,3 mpx (pode usarse como cámara web) e a traseira de 13 mpx. E para mover todo isto, o Omega5 incorpora unha batería de 2.800 mAh que alimenta a todos estes dispositivos “durante unha chea de horas e sen necesidade de recargala”, engade a empresa galega.
O software que emprega é o Android 4.4 Kit Kat, a última versión do sistema operativo Android, especialmente indicado, engádese, para tirar o máximo partido dos recursos do Omega5.

PUBLICIDADE