Chegan ao mercado os nosos encartables de Samsung

venres, 26 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Hoxe é o día no que os novos dispositivos de Samsung anunciados o pasado día 10 chegan ao mercado, de xeito que por fin poden atoparse nas tendas os móbiles encartables Galaxy Z Fold4 e Galaxy Z Flip4, os reloxos Galaxy Watch5 e Galaxy Watch5 Pro e os auriculares Galaxy Buds2 Pro.
Estes lanzamentos supoñen a consolidación da gama de teléfonos encartables de Samsung, a familia Galaxy Z, que continúa sendo o grande referente no mercado dentro deste tipo de dispositivos de gama alta, que continúan a mellorar en prestacións ano a ano. Mentres o Galaxy Z Fold4 mellora en apartados como as cámaras e as funcións destinadas á produtividade, o Galaxy Z Flip4 aposta por unha maior autonomía e potencia, converténdose ambos os encartables a bater pola competencia en cadanseu formato.
Os reloxos conectados de Samsung, pola súa banda, sitúanse nunha posición sen igual, xa que serían os dispositivos deste tipo con maior número de sensores de seguimento da nosa condición física, con medicións como a tensión arterial ou a temperatura corporal que non ofrecen nin sequera smartwatches de prezos superiores. Desta volta a edición Pro dos reloxos de Samsung deixa claro que a compañía surcoreana quere escalar postos entre os usuarios máis deportistas, que valoran especialmente detalles como a resistencia e a autonomía por diante do deseño compacto.
No caso dos auriculares sen fíos, falamos duns accesorios que continúan a evolucionar en aspectos como a calidade sonora e a cancelación de ruído, contando agora con funcións como detectar cando estamos a conversar para permitir escoitar ás persoas coas que falamos sen ter que quitar os auriculares.

PUBLICIDADE