CherryPal: no ordenador pequeno e ecolóxico

martes, 24 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Os ordenadores ultraportátiles de baixo custo deixan constancia de que moitos usuarios non precisan de grandes prestacións para cubrir as súas necesidades informáticas, e por iso tamén están a emerxer ordenadores de sobremesa de baixo custo coma o CherryPal, que comezará a venderse o vindeiro 4 de agosto, e que non só terá un prezo reducido, senón que o seu consumo tamén será mínimo: só 2 vatios.
Deste xeito, o CherryPal sería un equipo bastante ecolóxico, que funciona co sistema operativo Linux e conta cun procesador Freescale a 400 MHz, 256 Mb de RAM, 4 Gb de memoria Flash, Wi-Fi, 2 portos USB 2.0, porto Fast Ethernet, saída VGA, toma para auriculares, uns 300 gramos de peso e un tamaño de só 14,6 x 10,6 x 3,3 centímetros (comparable ao dun libro de peto).
Este novo equipo lixeiro podería iniciarse en só 20 segundos, e sería suficiente para usos básicos, como acceder ao correo electrónico ou a páxinas web.

PUBLICIDADE