Círculo de Lectores sube ao carro da distribución dixital

xoves, 16 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Presentación oficial de Booquo ante os medios

O Círculo de Lectores vén de presentar a súa nova plataforma de distribución dixital de contidos, Booquo, que combina o acceso legal de contidos dixitais coa participación nunha comunidade virtual baseada nos gustos dos usuarios.
Aínda que Booquo teña unha aparencia de tenda en liña de libros electrónicos e películas, non só permite a compra de e-books e o aluguer de filmes mediante streaming (achegados coa tecnoloxía de Filmin), senón que tamén destaca por contar cunha subscrición Premium que permite o acceso ilimitada a boa parte da súa biblioteca dixital e de distintas canles temáticas, que parten con pouco máis de 100 libros aos que se suma o acceso a publicación como as revistas Muy Interesante, Mía, Marie Claire, Ser Padres, GEO, Cosmopolitan, Historia y Vida, Interiores, Psychologies e Lonely Planet, todo iso a un prezo de 9,90 euros/mes, permitindo un mes de proba por só 0,99 euros.
O acceso a estes contidos pode realizarse dende un ordenador conectado a Internet e dende dispositivos (móbiles e tablets) con iOS ou Android, deixando a biblioteca de contidos adquiridos polo usuario na nube (aínda que tamén permitindo a súa descarga para a lectura fóra de liña) e aceptando ata 5 dispositivos de acceso por conta de usuario, facilitando así un uso familiar desta plataforma.


Vídeo da presentación de Booquo

Booquo conta cunha modalidade de subscricións Premium

PUBLICIDADE