City of Heroes deixará elixir aos usuarios se queren publicidade no xogo

venres, 4 de abril do 2008 Marcus Fernández

JPEG - 66.3 KB
Comparación entre o xogo con publicidade ficticia ou real

O xogo masivo multixogador City of Heroes súmase á tendencia de incorporar publicidade integrada tras un acordo entre NCsoft e Double Fusion, de xeito que nos carteis do mundo virtual se poderán ver anuncios reais, o que non cambia a esencia do xogo, polo que non supón unha grande intrusión no mesmo, aínda que para evitar as malas reaccións por parte dalgúns usuarios esta publicidade será opcional (o xogador pode configurar se quere ver carteis ficticios ou reais).
Dende NCsoft aseguran que só aceptarán anuncios que non afecten á inmersión no xogo, e que respectarán a cualificación por idades do seu título superheróico, polo que rexeitarán a publicidade de alcohol, tabaco ou contidos adultos.
A incorporación de anuncios permite mellorar as achegas económicas para os desenvolvedores do xogo (que se financian normalmente polas cotas de acceso ao mesmo) e melloraría a saúde financeira da empresa, o que garantiría a supervivencia do xogo durante máis tempo, así como continuas melloras para satisfacer aos usuarios.

PUBLICIDADE